Nunha rolda de prensa celebrada na sede de Podemos na Coruña, Carlos Vázquez, portavoz de
Recortes Cero en Galicia anunciou o apoio do movemento ás candidaturas de Podemos Galicia,
impulsadas pola coalición formada por Podemos e Alianza Verde, nas Eleccións de Galicia do 18 de
febreiro. O portavoz de Recortes Cero fixo o anuncio xunto á candidata á Presidencia da Xunta,
Isabel Faraldo.
Segundo Isabel Faraldo, “desta maneira, Podemos expande e abre os seus apoios a outras
compañeiras e compañeiros da esquerda galega”.
Recortes Cero e Podemos concorreron xuntos nas
pasadas Eleccións Municipais na candidatura ‘Agora Ourense’, xunto a Ourense Mellor e outras
organizacións de esquerdas. Tamén obtivo o respaldo de Recortes Cero a candidatura municipal de
‘Podemos-Marea de Vigo’.
A colaboración de ambas as organizacións non é recente e segundo os seus portavoces estase a
producir dende hai meses ‘na loita contra os recortes e pola mellora das condicións de vida da
xente, en varios ámbitos’.
O acordo entre as organizacións inclúe o apoio electoral a través de sete puntos nos que se concreta
a participación de Recortes Cero na campaña, e a inclusión de candidatos nas listas de Pontevedra,
A Coruña, Lugo e Ourense.
Carlos Vázquez subliñou que “é necesario unha alternativa como Podemos Galicia no Parlamento
Gallego” e por iso van traballar “de xeito conxunto para conseguir que estea presente”. Para
Recortes Cero e segundo o seu portavoz, “pola súa alternativa, pola campaña e sobretodo pola xente
que forma parte, para Recortes Cero é un orgullo poder facer campaña por e con Podemos Galicia e
Alianza Verde”.
A candidata á Xunta de Podemos Galicia, Isabel Faraldo, aproveitou para esixir a dimisión do
conselleiro de Mar, Alfonso Villares, pola crise dos pellets. A formación presentou esta semana
unha denuncia contra a Xunta e a empresa navieira propietaria do buque Toconao por delitos contra
o medio ambiente e a saúde pública tras a caída de miles de bolsas de 25 quilos cheas de millóns de
pellets.
Nunha nota emitida pola organización, Recortes Cero Galicia esixiu que a Xunta debe tomar todas
as medidas necesarias, sen importar o custo, para retirar os pellets. Para Recortes Cero “a única
forma de entender unha catástrofe como esta é tendo a seguridade de que quen contamina paga, e
ese é o anuncio que debería facer a Xunta, a esixencia de responsabilidades mentres desprega todos
os seus medios, tomando a iniciativa, non deixándolla aos veciños”.