|
O persoal temporal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar afiliado á CNT decidiu en asemblea por ampla maioría convocar folga para defender os seus postos de traballo do risco de despedimento que supón a oferta de emprego público da Xunta do pasado decembro de 2020. A folga convócase para dar solución á situación de temporalidade estrutural do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e dotar de estabilidade no emprego ao seu plantel actual. A folga convocada pola CNT ten como obxectivo regularizar a situación de todas as traballadoras temporais en fraude de lei e abuso de temporalidade independentemente da forma de acceso ao seu posto (oposición, listas, subrogación,…) toda vez que a Xunta de Galiza ven de incluír a practica totalidade das prazas na última oferta de emprego público (OPE) a finais de 2020. Á folga convocada pola CNT está chamado todo o persoal pertencente á rede de centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. As traballadoras e traballadores das escolas infantís da Galiña azul, centros de día, fogares residenciais e todos os centros de traballo da rede do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, incluíndo o persoal de servizos centrais estarán cubertos legalmente pola convocatoria realizada polo sindicato. Xornadas de Folga A folga será desenvolvida en xornadas de 24 horas comezando ás 00:00 horas e rematando ás 24:00 de cada día de folga. Os días de folga serán os seguintes: 6, 7, 8, 9, 10, 11, 12, 13, 14, 15, 16 e 17 de setembro, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10, 11, 12, 13, 14 e 15 de outubro, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10, 11 e 12 de novembro e 7, 8, 9, 10, 11, 12, 13, 14, 15, 16 e 17 de decembro de 2021. A Xunta e o Consorcio neganse a negociar A Dirección Xeral da Función Pública e a Xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar seguen a desoir as peticións de reunións realizadas pola CNT en canto as revindicacións da folga. Tras os días de folga desenvolvidos nos meses de febreiro, marzo, abril, maio e xuño onde non se produciron contactos entre folguistas e Administración, desde CNT insistiuse de novo na vía do diálogo nas últimas semanas sendo enviadas solicitudes de reunións, en reiteradas ocasións, a través do rexistro correspondente, tanto á Xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar como á Dirección Xeral de Función Pública, sen que se tivera obtido resposta a ningunha destas solicitudes. Nestas solicitudes indicábase que este sindicato está aberto a tratar calquera proposta amparada na legalidade que poda dar unha solución de temporalidade estrutural e fraude que non xere discriminación, así como realizar propostas alternativas perfectamente viables e que foron incluso aplicadas en outras rexións do Estado español sin ningún tipo de problema. Con todo, o Partido Popular, nas figuras de Alberto Núñez Feijóo e Fabiola García Martínez, parece empeñado en desfacerse dun equipo completo de traballadoras que sacaron adiante con resultados extraordinarios uns centros de atención a persoas en situación máis vulnerable durante o Estado de Emerxencia Sanitaria. Mobilizacións durante o verán Neste último mes foron numerosas as mobilización desenvolvidas polo persoal do Consorcio galego IeB como parte da estratexia posta en marcha desde a Sección sindical de CNT de incrementar as protestas na rúa para dar visibilización á súa problemática laboral. O Presidente Feijoó sufriu as protestas das traballadoras do Consorcio IeB en distintos actos: na entrega das medallas Castelao en Compostela o 28 de xuño, na Coruña o 30 de xuño, o 1 de xuño no recinto feiral de Vigo IFEVI, o 9 de xullo en Caldas de Reis ou no recente congreso do PPdG do 17 de xullo en Compostela. O persoal do Consorcio, ao igual que todo o persoal público temporal, participou tamén das protestas a nivel estatal contra o decreto do ex-Ministro Iceta actualmente en trámite parlamentario. O calendario de mobilizacións do persoal temporal do Consorcio IeB continúa aberto e iránse sumando novas protestas para tratar de atopar solución á situación de temporalidade estrutural do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e dotar de estabilidade no emprego ao seu plantel actual. Estas últimas mobilizacións únense ás múltiples cazoladas que o persoal do Consorcio IeB veu facendo nas anteriores xornadas de folga polas rúas e prazas de Burela, Fene, A Coruña, Compostela, Boiro, Vilagarcía, Moaña, Vigo ou Ourense. Múltiples e variadas protestas nas que as traballadoras en folga estiveron acompañadas por familias e onde ruidosamente visibilizaron as súas xustas reivindicacións de estabilidade laboral. Servizos afectados As traballadoras e traballadores queren agradecer o apoio das familias na defensa dos seus postos de traballo e do servizo público, conscientes do impacto e prexuízo que xa lles causou coas anteriores xornadas de folga. Tamén se quere agradecer ás familias as numerosas reclamacións interpostas ante a Xerencia do Consorcio e as mostras de apoio recibidas da cidadanía para reclamar unha solución para as traballadoras que permita desconvocar as folgas e retomar o servizo habitual nos centros. Lémbrase que este apoio viuse materializado o pasado 8 de xuño coa presentación no Parlamento de Galicia de máis de 7000 sinaturas que foron recollidas polas traballadoras. É por iso que desde a CNT advírtese ás familias usuarias dos servizos da rede do Consorcio IeB que os servizos prestados veranse moi afectados por esta nova convocatoria de folga. Problemas que, comezarán xerarse nas xornadas de folga do inicio do curso escolar onde non se garante unha correcta aplicación do periodo de adaptación nas escolas infantís da Galiña Azul.
|
No hay comentarios
Nova convocatoria de folga das traballadoras da CNT no Consorcio IeB á volta do verán
El Consistorio Digital no se responsabiliza del contenido de los artículos remitidos o de opinión, siendo cada autor responsable de sus propias creaciones.